ZENZAR

 

| BIOGRAFIA | MP3 | GRABACIONES | CONTACTO |

Biografía:        
         

           "Da terra das sombras e da escuridade…" Así foi como empezou todo aló polo principio do outono , na Meirama do 1987. Ben é certo que os "artistas" agora coñecidos como ZENZAR, non tiñan o mesmo nome como grupo. MÖRDOR foi o primeiro nome elexido. Como curiosidade a primeira canción que todos se puxeron de acordo en tocar foi unha versión do "Jumpin Jack Flash" que cantaba Tabe (J. Antonio) en castelán. As primeiras composicións propias foron "Fuera de Lugar", "Cosa Blanca", todo un clásico, daquela aínda en evolución, e hoxe en día regrabado no que é o último disco da banda.

           No nadal do 1988 Mördor debuta no pub NON SEI de A Silva en formación de sexteto, ca cal chegarían ata xuño do 1991, momento no que pasan a cuarteto, ao abandoar o grupo Manuel Jesús (teclados) e Luis (guitarra), por distintos motivos. Isto pasou despois de tocar en sitios como o Picolinos (Cerceda), Discoteca Plató (Calle de Cristal), no 1º Festival Rock de Meirama, semente para o Festival de Cerceda. De todo o máis destacado foi unha grabación que se fixo dunha actuación en Meirama en marzo do 1990, non tanto pola calidade da mesma, xa que foi feita nun casete portátil, senon como documento histórico, posto que é a única en forma de sexteto, e porque nela se poden escoitar as primeiras cancións do grupo, tanto propias coma as versións empregadas para completar repertorio (Tiempos Nuevos de Ilegales, La chica de ayer de Nacha Pop, Lucille, flor de luna de Santana, etc.), nada que ver co camiño tomado máis tarde polo grupo, pero así son os principios…

          No verán do 1993 prodúcese o troco de nome, por motivos legais, pasando a chamarse, xa para sempre, ZENZAR. Esto ocorre pouco despois de grabar a finais do 1992, ainda como Mördor, a sua 1ª maketa baixo o título de "Contos e Lendas de Terra Adentro", incluindo cinco temas, xa verdadeiros clásicos no seu repertorio, tamén dou que falar a portada onde a policia local de Cerceda persegue a uns ladróns no seu famoso Mercedes. No 93 aparecen dous temas no vinilo "Rock Na Costa Da Morte", recopilatorio onde participan seis bandas coruñesas da zoa, ningunha das cales segue en activo na actualidade excepto ZENZAR. Nesta época o grupo xa da multitude de concertos por toda a provincia coruñesa. Por daquela o grupo xa empeza a ser valorado fora do seu entorno habitual, sobre todo na zoa da Costa da Morte onde fan bastantes actuacións.

           E así chegamos o 1995 ano no que editan a súa 2ª maketa "Fascinados polo Prohibido", composto de oito temas .Nela xa se ve claramente por onde vai ZENZAR, Rock contundente e letras en galego. Algún tema dela converteuse en obligado no repertorio coma "O Blues da gorxa seca" ou "Bourando". Aquí compre destacar os dous concertos con Extremoduro e outros con Platero y Tu, Boikot, Manolo Kabezabolo, Barón Rojo, etc. Saindo a tocar por tada a xeografía galega.

            No 1997 prodúcese a saída á rúa do seu primeiro L.P. "Disparados o Futuro", composto de doce temas grabados nos Estudios Fussión de Vigo, con Xavier Abreu de técnico. ZENZAR reafírmase no seu Rock potente edifícil de catalogar, onde predominan as letras combativas, de denuncia social, ecoloxía e manexos políticos. Este é un disco no que a pesares da variedade estilística apreciase unha linea homoxenea e persoal que fai del unha colección de cancións que encaixan perfectamente unha tras outra. O grupo fai unha extensa xira de presentación que se prolonga nos dous anos seguintes, onde destaca a participación no primeiro Alen Galicia na Illa de Arousa, e no 1º Santi Rock en Compostela. Neste mesmo ano 97 colaboran en dous recopilatorios: Bamban Vol. II e 8 anos de Sequestros con un tema en cada un. Unha vez rematada esa xira o grupo entra nunha pequena fase de letargo onde se actúa menos e se buscan novas ideas para novas composicións, agora xa ca axuda do novo guitarrista Mario Grela, incorporado xa a xira "Bourando" do disco "Disparados ó Futuro", aportación que se fará notar tanto no directo coma no estudio de grabación, contribuindo firmemente a compactar a música da banda nas súas aparicións en directo.

         Deste xeito na primaveira do 2001 sae a lus o segundo longa duración da banda, una autoprodución do grupo tamén grabada nos estudios de X. Abreu, que baixo o título de: "Todo Vai Ben" , agrupa trece cancións ben tocadas e cantadas todas elas en galego. Unhas cheas de forza e enerxía (Chove, Johnny, Nin un día máis, Ratos no horreo), outras que combinan tempos medios con outros momentos de gran contundencia (Chegando a casa, Camilo, Cheira mal,…). As curiosidades son a inclusión en dous temas de instrumentos tradicionais como a gaita de Xan " Papaqueixos" en Todos me queren e o acordeón de R. Sanjurjo "Diplomáticos do monte alto" en A banda do coche encarnado. Letras irónicas e críticas, contra o caciquismo, a destrucción do medio, contra o poder e a hipocresía. . Unha ironía xa presente na portada, presidida polo lume e a morte, na que asasinos e torturadores sorrin á cámara. E na contraportada onde as vacas revolucionarias ameazan con tomar a propia catedral de Santiago, mentras a cidade arde. Todo elo fai deste un disco que abrangue todas as tendencias do rock, pero sempre co selo persoal de ZENZAR.

       O disco recibe moi boa acollida por parte do público e da crítica, aínda que non alcance vendas moi importantes posto que como se dixo non conta con distribución oficial e so coa promoción que fai o grupo nos concertos e outros poucos medios ó seu alcance. Nada máis sair á rúa o grupo emprendeu a xira máis longa dende que ZENZAR existe, non sin moitos esforzos, pois foi totalmente autoxestionada , así ó final do ano foron perto de corenta os concertos feitos. Compre destacar un por riba de todos: o día da patria galega, o 25 de xullo en Compostela, diante de miles de persoas entusiasmadas, con gañas de festa, que disfrutaron como nunca da música do grupo. Outros a destacar foron o Grelo Folc en Monfero, o I festival Ordes-rock, o 1º festival música en tempos en Pontevedra e o festival ponte louco en Castro Caldelas-Ourense.

         A historia segue e o tempo non se detén, xa estamos no 2002. Unha vez rematada a xira de presentación, un remate non exento de incidencias, que fixo que quedara algún concerto pendente. Primeiro pola enfermidade do baixista, ó que sustituiu Anxo de "Sensacha", grupo veciño de Cerceda, e posteriormente pola do cantante. Pois ben, unha vez todos repostos o grupo decidese a plasmar en disco oito temas preparados ó longo dos primeiros meses do ano. A grabación ten lugar na última semán de marzo nos estudios Bonhan de A Coruña. Unha vez gravado, o CD sae a rúa en xuño de 2002. Os resultados foron os esperados, a estas alturas van entre ventas e promoción uns 700 exemplares distribuídos, tendo en conta que era un disco máis para fans, onde se facía un percorrido por temas inéditos rescatados dende os principios do grupo. Unha vez feito este traballo o grupo reláxase un pouco, non se fai ningunha xira específica para presentar o disco, debido a natureza do mesmo, como xa quedou dito. De todos xeitos hai bastante actividade ó longo do ano con un total de once concertos, destacando a primeira incursión en Madrid na Sala Siroco, xunto con outros grupos como Salida Nula, Hirurko e Kambotes. Este ano veu marcado polo afundimento do Prestige, e como non Zenzar participou a finais do ano e dous concertos solidarios que resultaron todo un éxito (pub A Roda deMalpica e Disco-Pub Non Sei de Cerceda).

        O 2003 e 2004 son anos de transición, non hai moita actividade en canto a concertos e no grupo empeza a plantexarse a necesidade de poñerse a traballar seriamente nun novo disco para darlle continuidade a esta historia, traballo que comeza no inverno de 2004, inverno que se presentou máis accidentado do esperado: primeiro suspéndese o concerto previsto na Mardi-Gras de A Coruña, por enfermidade repentina de dous compoñente do grupo (este concerto por fin se levou a cabo en outubro deste ano 2005 e por certo con grande éxito de público) , despois e para sorpresa dalgúns M. Silveira, guitarrista do grupo decide deixar o grupo, e para rematar o ano pecha o Badulake, emblemático local de Ordes centro de reunión dos rockeiros da zona ó longo de cinco anos.

         Diante deste panorama os restantes membros do grupo deciden tirar pa diante , e así entramos no 2005, ano que resultou ser bastante frutífero xa que se consegue rematar case nun cen por cen o traballo de composición dos novos temas , agora xa con Mario como único guitarrista . Este novo formato tamén é posto a proba en directo con dous concertos na primavera e o mencionado da Mardi Gras en outubro, resultando todos un auténtico éxito que sorprende ó propio grupo, temeroso de que se notara en demasía a falta dunha guitarra.

       Rematado o 2005 agora o grupo dedícase a engraxar a maquinaria para entrar en estudio a dar o máximo para o novo disco...
 

 
Mp3:
 
O Padriño - 4.856 Kb  - DESCARGAR -
 
Grabaciones:
 
"FASCINADOS POLO PROHIBIDO" -1995
"DISPARADOS O FUTURO" - 1997
"TODO VAI BEN" - 2001
"ROCKANROL" - 2002
 
 
Contactos:
ZENZAR: a.cristin@telefonica.net   - 981 681400 - 620 599007
Web: www.zenzar.info
Foto grupo:ZENZAR