Tras ‘Muiñeira do Areal’ e ‘Muiñeira dos Soños’, as dúas cancións que serviron de adianto do seu novo álbum e que determinaron un xeito absolutamente orixinal de entender a convivencia entre o heavy e a música tradicional galega, A Sombra dos Soños, o grupo que lidera o guitarrista e vocalista Jose Carballido, vén de publicar o seu segundo disco, ‘Lembranzas futuras’.

Mais que ninguén agarde un disco de muiñeiras metaleiras. ‘Lembranzas futuras’  é un álbum cheo de variadas sonoridades en torno ao rock –nas súas vertentes máis achegadas ao heavy, ao metal ou ao progresivo–, pero que ademais se apoia e enriquece en certeira integración, por unha parte, con elementos tomados do substrato da música tradicional galega e, por outra, con achegas da electrónica.

«Eu estudei música clásica e despois sempre fixen rock. O que quixen neste disco foi xuntar todas as miñas influencias e mesturalas, ao meu xeito, con elementos da nosa música tradicional e con algo de electrónica», explica Jose Carballido, quen ademais de compositor, guitarrista e vocalista de A Sombra dos Soños é o gañador da última edición do concurso Recantos, do programa Luar, na Televisión de Galicia.

E se sorprendente foi no seu día a incorporación das muiñeiras ao universo do heavy, agora A Sombra dos Soños integra tamén no seu álbum unha orquestra clásica ou elementos do flamenco. O resultado de semellante combinación tórnase fascinante, xa que todas as cancións están tinguidas por unha serie de elementos comúns, pero ao mesmo tempo todas son distintas entre si. 

Están, por suposto, as dúas muiñeiras que serviron de adianto, pero tamén hai momentos de desbordante intensidade e sentimento, como ‘A Cantareira’, unha canción introducida por unhas harmonías vocais tradicionais que dan paso ás poderosas guitarras e á non menos poderosa voz de Carballido. Ou temas como ‘Ti es vida’, unha canción cunha letra que afonda no interior dun mesmo dende unha sonoridade que evoca aos grandes e épicos himnos do heavy de vella escola. ‘Quero ser’ abunda nesas mesmas premisas pero achegándose xa ao metal alternativo, cunha contundente base rítmica e un moi persoal tratamento das guitarras. 

O disco péchase con ‘O Meigallo’, canción da que tamén hoxe se publica un emotivo videoclip. Unha canción que, por primeira vez na carreira de A Sombra dos Soños, a banda conta coa aportación instrumental dunha orquestra clásica. O Meigallo’ é tamén a canción do disco na que máis patente se fai a achega da electrónica, combinada, iso si en perfecta harmonía coas percusións tradicionais e coas voces de Jose Carballido e de La Reyes, quen colabora neste tema no que ao substrato das raíces musicais galegas se suman tamén elementos das raíces musicais do flamenco, como as palmas e os taconeos, conformando unha composición desbordante de paixón e sentimento.

Co  lanzamento de ‘Lembranzas futuras’, A Sombra dos Soños reafirma a súa personalidade artística e contribúe a abrir novos camiños para a música de raíz feita en Galicia, demostrando que tradición e contemporaneidade poden convivir, dialogar e multiplicarse en fusións, melodías e harmonías tan inesperadas como emocionantes. ‘Lembranzas futuras’ é, en definitiva, unha celebración da música galega dende o presente, un soño que baila entre tempos, entre o que fomos, o que somos e o que aínda estamos a descubrir. 

A Sombra do Soños son: Jose Carballido (guitarra e voz), Diego Lestón (batería), Daniel Añón (guitarra ), José Roca (teclados) e Javier Carrión (baixo).

Más información: