O grupo do Val Miñor, Dakidarría, presenta de balde en Galiza, “Seguimos en pé”, un documental que engloba a celebración do XX aniversario da formación durante a súa xira do ano 2023.
Tras unha primeira proxección durante o festival Revenidas o pasado 13 de setembro, Os do Val Miñor acaban de anunciar varias pre-estreas con entrada de balde ata completar aforo desta peza audiovisual de 34 minutos, onde repasan a súa extensa carreira ao mesmo tempo que amosan o momento atual do grupo e da escena musical galega.
Da man da produtora Arcadia Universe o público que se achegue aos diferentes puntos da Galiza onde se proxectará “Seguimos en pé” poderá adentrarse no día a día de Dakidarría, unha banda punteira no panorama musical galego que leva tantos anos espallando o súa música e a súa mensaxe rebelde e inconformista arredor do mundo.
Ademáis da propia proxección do documental, os actos gratuitos que terán lugar en Lalín, Ourense, Santiago, Ferrol, A Coruña e Mos contarán cunha pequena mesa redonda onde diferentes membros da banda e da produtora comentarán o percorrido e as curiosidades do que foi a realización do proxecto. Ao rematar o evento, o grupo relizará un mini showcase acústico para o deleite do público asistente.
Lalín e Ourense, primeiras datas
A xira “audiovisual” de Dakidarría comezará esta mesma fin de semana en Lalín e Ourense, onde o documental “Seguimos en pé” proxectarase no C.S. de Noceda e no Café Auriense, respectivamente. Xa no mes de outubro continuarán por outros puntos da Galiza para espallar esta pre-estrea do documental.
Primeira proxección durante o Revenidas
O festival de Vilaxoán, onde en 2023 tivo lugar o concerto especial do XX aniversario, que congregou a máis de 50 artistas sobre o escenario do Revenidas, tamén foi o punto de partida desta xira audiovisual. Máis dun cento de persoas asistiron a esta primeira proxección do documental que conseguiu emocionar ao público do festival.
Datas das pre-estreas en Galiza:
-27/09 LALÍN (C.S. de Noceda, 20:30 horas)
-28/09 OURENSE (Café Auriense, 21:00 horas)
-03/10 SANTIAGO (Pub Avante, 23:00 horas)
-04/10 FERROL (A.C. Artabria, 20:30 horas)
-04/10 A CORUÑA (Pub Kazuza Orzán, 23:45 horas)
-05/10 MOS (Sala Rebullón, 17:00 horas)
Escaleta:
Palestra: 15 mins (aprox)
Proxección: 35 mins
Mini showcase acústico: 15 mins
Entrada gratuíta ata completar aforo
Máis información: